Pontevedra amosa a súa repulsa polo asasinato machista de Valga
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
Tres novas mulleres asasinadas, dúas delas galegas. É o tráxico balance que deixa a violencia machista nos últimos días. A corporación municipal de Pontevedra expresou o seu rexeitamento cunha concentración ás portas do Concello.
A última vítima foi asasinada este domingo a mans do seu marido, un home de 46 anos que matou cunha escopeta á súa muller, de 43, na súa vivenda de Valga e despois se suicidou tamén dun disparo, segundo informaron fontes da Garda Civil.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que "sistematicamente se están producindo asasinatos machistas" polo que entende que "non queda outra que seguir loitando" e citou estas novas mortes por "se alguén ten dúbidas de que todo o que estamos a facer contra esta lacra da violencia machista non está xustificado".
Lores tamén criticou "a certas forzas políticas" que están "ninguneando" este problema social.
En representación do goberno da Deputación de Pontevedra, Eva Vilaverde dixo que a violencia de xénero "indigna, entristece, asusta" e chamou a toda a cidadanía a "implicarse" para "corrixir" con este "sistema patriarcal que non funciona".
Para amosar o seu rexeitamento a estes tres novos crímenes machistas, o Colectivo Feminista de Pontevedra convocou unha concentración para este martes día 12 de marzo ás 20.30 horas ante a Audiencia Provincial na rúa Rosalía de Castro.
Relacionadas:
-
José Luis Abet, xulgado a porta pechada polo triplo crime machista de Valga
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
O feminismo pontevedrés sae á rúa tras o asasinato de Valga: "Por María José, por todas"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Alertan dun aumento "considerable" en Pontevedra das denuncias por violencia machista
Por Redacción |