'A pé de rúa' quere potenciar o comercio local nas rúas recentemente reformadas
Por Olaya Madrigal
A terceira edición do evento A pé de rúa celebrarase do 16 de marzo ao 11 de maio cun programa que ten por finalidade incentivar o comercio local. O proxecto comezou en 2017, como parte dun programa máis ambicioso chamado Pontevedra Capital Shopping, que busca promocionar o comercio da localidade a través de diferentes actuacións, entre as que se inclúe o contacto a pé de rúa.
Nesta xornada haberá actuacións en directo, actividades infantís, promocións especiais e algunhas sorpresas que aínda non foron reveladas. O programa estará cheo de festividade, comida, bebida e ofertas e prevé unha gran participación dos comercios presentes nas rúas seleccionadas. Durante a súa celebración, as empresas sacarán ao exterior os seus produtos e ofertas e os clientes poderán desfrutar deles nun ambiente cercano e de diversión.
A celebración do programa comezará o sábado 16, en busca dunha predición meteorolóxica favorable, na recentemente reformada rúa Virxe do Camiño e en José Casal. A totalidade dos negocios participará no evento, cunha predominancia daqueles pertencentes ao sector da hostelería, que dará lugar a un festexo que de 11:00 a 14:00 horas celebrará a presenza dos novos locais e reforma da rúa.
O 23 de marzo, as actividades trasladaranse á rúa Cruz Vermella. Durante o día 30, Cruz Gallástegui será o escenario do evento.
Monte Porreiro inclúese nun proxecto que quere englobar a totalidade da cidade, coa participación dos negocios da rúa Suecia o 4 de maio.
Para rematar, terá lugar a terceira edición de "Rizando o rizo" o 11 de maio, na que os salóns de peiteado e barberías locais sairán á rúa para peitear pero tamén para expoñer a situación e as reclamacións do sector da estética, que se enfronta a unha subida do IVE.
O comercio local é un alicerce fundamental no funcionamento e na economía da cidade, polo que o Concello aposta pola promoción e coidado deste tipo de empresas. Unha das accións que leva a cabo con ese fin é precisamente a recente reforma dalgunhas das rúas céntricas e dos barrios que forman parte da área urbana, entre as que se encontran as seleccionadas para a celebración do programa, co que se pretende mellorar non só a calidade de vida dos seus habitantes, senón tamén as condicións que afectan aos comercios.
"O goberno ten claro que o mellor que se pode facer para promover o comercio local é mellorar o escaparate no que se atopa, isto é, as rúas nas que se encontran", afirmou Anabel Gulías, a concelleira de Promoción Económica, na presentación destes actos durante este luns.