Semana asollada nas Rías Baixas con temperaturas que se situarán ao redor dos 16 graos
Por Almu Dapena
A borrasca vivida durante a semana de Entroido nas Rías Baixas dá paso a uns días onde se alternarán ceos con nubes e claros, e outros anubrados e despexados.
Segundo a previsión de Meteogalicia, a partir do martes chegará unha fronte fría asociada a unha borrasca situada entre Islandia e Escocia que provocará o incremento de nubes ao longo da semana ocasionando precipitacións na tarde dese día.
As temperaturas serán normais para este período, con mínimas de 6 graos que se manterán durante toda a semana e máximas que descenderán de maneira moderada pasando de 18 graos a 14 graos cun vento que soprará de compoñente norte.
O xoves e o venres, Galicia estará baixo a influencia dun anticiclón situado entre os Azores e a Península que provocará un lixeiro aumento nas temperaturas máximas situándose nos 16 graos e deixará un tempo seco e estable con ceos pouco nubrados ou despexados.
De cara á fin de semana, o sábado chegará unha fronte fría polo terzo norte que provocará un descenso nas temperaturas e aumentará a probabilidade de choiva que continuará ata a seguinte semana.