O arrecendo do lacón con grelos xa se deixa notar por Cuntis
Por Redacción
Cuntis prepárase para a súa gran festa gastronómica. Tras semanas de preparativos e actividades que serviron para animar aos seus habitantes, xa está aquí a XXII Festa do Lacón con Grelos, que este domingo 10 de marzo vivirá o seu día grande.
Centos de racións deste prato típico do Entroido galego serviranse na carpa situada na Praza da Constitución a partir das dúas da tarde. Será durante unha comida popular que estará amenizada pola música de The Bichos Jazz Band.
Antes de degustar o lacón con grelos, o actor e humorista Xosé Antonio Touriñán dará lectura ao pregón da festa, ás 12.15 horas, e quince minutos despois arrancará a undécima edición de Vespalacón, a concentración de vespas e lambrettas.
Haberá ademais actuacións da Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis (11.30 horas) e a Banda de Gaitas As Portelas de Lubián (13.15 horas), o desfile do Entroido Tradicional de Madamitas e Madamitos (13.00 horas), abrirase a feira de artesanía ou se poderán visitar ata catro exposicións diferentes
Xa pola tarde haberá numerosas actividades infantís, con espectáculo teatral da compañía Bambolina (16.15 horas) incluído, ou actuacións do grupo A Xaiba (17.00 horas), da Banda Xuvenil de Cuntis e a Banda da Escola de Música de Vilaboa (17.45 horas) ou A Banda da Loba (18.30 horas).
A xornada concluirá, como é habitual, co velorio do Chapante, a imaxe do Entroido e Cuntis (19.30 horas) e o seu posterior enterro, que poñerá o broche de ouro ás celebracións.
Relacionadas:
-
Máis de 30.000 persoas participaron na Festa do Lacón con grelos de Cuntis
Por Redacción |
-
Milleiros de persoas enchen Cuntis nunha Festa do Lacón con grelos que bate records
Por Redacción |
-
Toque innovador para o lacón con grelos de Cuntis
Por Redacción |
-
O humorista Xosé Antonio Touriñán, pregoeiro da Festa do Lacón con grelos de Cuntis
Por Redacción |
-
Éxito na degustación de manxares de lacón con grelos na décima edición do Tapalacón de Cuntis
Por Redacción |