Piden dous anos e medio de prisión para un home acusado traficar con cocaína que gardaba nos xenitais
Por Oskar Viéitez
A Sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes día 12 de marzo un xuízo por un delito contra a saúde pública.
O fiscal esixe unha condena de dous anos e medio de cárcere para un home que viaxaba como copiloto nun vehículo que foi parado pola Policía Local de Pontevedra e, mentres os axentes practicaban dilixencias, presuntamente sacou dos seus xenitais unha bolsa que contiña cocaína e arroxouna á vexetación. A droga foi recuperada polos axentes.
O fiscal dirixe a acusación contra un individuo que xa foi condenado en diversas ocasións por delitos contra a saúde pública, polo que concorre a circunstancia agravante de reincidencia.
Segundo o relato dos feitos que fai o Ministerio público no seu escrito de acusación, sobre as 21 horas do 16 de xuño do ano 2017 este home viaxaba como copiloto nun vehículo que foi parado pola Policía Local na rotonda do Marco. Mentres a policía practicaba dilixencias, sacou da zona dos seus xenitais unha bolsa que contiña 8,087 gramos de cocaína, cunha riqueza do 83,29%.
A Fiscalía asegura que o acusado tiña a cocaína "co propósito de destinala á venda" e o seu valor en mercado ascendería a 925,64 euros. Así mesmo portaba varios billetes de 20 euros (ata uns 460 euros) que "poderían proceder da venda da substancia".
Ademais da pena de dous anos e seis meses de prisión, a Fiscalía pide que se lle impoña unha multa de 900 euros, con 10 días de privación de liberdade en caso de falta de pagamento.