Xulgan a Falconetti e a súa esposa por branquear diñeiro do narcotráfico
Por Oskar Viéitez
O histórico contrabandista Luis Falcón Pérez, máis coñecido como "Falconetti", e a súa muller, Digna Díaz Oubiña, serán xulgados o vindeiro martes, 23 de outubro, na Audiencia de Pontevedra por un presunto delito de branqueo de diñeiro que o fiscal considera procedente do narcotráfico.
Vintedous anos despois de ser condeado a 12 anos de prisión por tráfico de haxix pola Audiencia de San Sebastián e de converterse nun dos promotores inmobiliarios máis activos das Rías Baixas, Falconetti e a súa esposa enfróntanse a senllas condenas de tres anos de prisión e multas que suman 5,1 millóns de euros, con responsabilidade persoal subsidiaria dun ano de prisión en caso de non pagamento.
Falconetti foi o primeiro gran contrabandista de tabaco en dar o salto ao narcotráfico.
A instrución deste caso viuse demorada durante máis de 13 anos polo que o fiscal antidroga, Luis Uriarte, na súa petición de penas aplicará o atenuante de dilacións indebidas.
As investigacións da Axencia Tributaria abranguen un periodo comprendido entre os anos 1976 ata o ano 1997, cando Falconetti acababa de abandonar o cárcere, e conclúen agora.
Falconetti e a súa esposa enfróntanse a senllas condenas de tres anos de prisión e multas que suman 5,1 millóns de euros
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía "Falcón se veu enriquecendo co produto da venda de substancias estupefacientes" e para branquexar esas importantes cantidades de diñeiro procedentes desta actividade, ocultando esta orixe ilícita, "o imputado se concertou coa súa esposa", desenvolvendo entre ambos os dous "toda unha estratexia mercantil para aparentar que os ingresos procedentes do narcotráfico eran realmente rendementos dunha actividade empresarial lícita".
Nesta armazón, Falcón adquiriu a totalidade das participacións sociais da sociedade O Castriño, facendo figurar como titular a súa esposa, e constituíron en 1982 outra sociedade mercantil, a Promotora San Martín de Villajuán. Empresas que xeraron un burato contable nese período de tempo de 2,5 millóns de euros.
"Ese desequilibrio contable foi compensado polos imputados coa introdución nas súas sociedades desa mesma cantidade de diñeiro efectivo procedente do narcotráfico, conseguindo desta forma a transformación dese capital de ilícita procedencia en rendementos lexítimos dunha actividade empresarial lícita", argumenta o fiscal.
Ademáis das penas referidas o fiscal tamén solicita o comiso definitivo e adxudicación ao Estado dos bens decomisados por tráfico de drogas, neste caso a cantidade supostamente branquexada o no seu caso as propiedades polo valor equivalente.
Relacionadas:
-
Absolven a Falconetti e a súa muller de branquexar cartos do narcotráfico
Por Natalia Puga |
-
Vázquez Taín: "o tema das drogas é básicamente político"
Por Oskar Viéitez |
-
O fiscal eleva a acusación contra Falconetti e a súa muller, reclámalles 13,5 millóns de euros
Por Natalia Puga |
-
Falconetti: "Cumplí seis años a pulso sin tener nada que ver con el tráfico de drogas"
Por Natalia Puga |