Os bombeiros aproveitan o seu patrón para pedir unha torre de manobras para o parque
Por Oskar Viéitez
O persoal de enfermería e os bombeiros comparten patrón, San Xoan de Deus, cuxa festividade se celebra o 8 de marzo. Con tal motivo houbo un acto oficial no parque de Bombeiros de Pontevedra no que recoñeceron o labor destes profesionais.
No seu discurso, o xefe en funcións dos Bombeiros, Vicente Ferrería, expuxo a necesidade de acometer unha serie de melloras nas instalacións entre as que figura a construción dunha torre de manobras.
Preténdese que sexa unha estrutura de algo máis de dez metros de altura para atender as necesidades especificas e necesarias para as prácticas do corpo de bombeiros como pode ser un tubo de manobras, plantas pechadas con distribucións para exercicios de simulacións con fume, cubertas planas e cubertas inclinadas, voos en forxados, voladizos, balcóns, un sistema de varandas e escaleiras.
Ferrería tamén pediu máis material técnico e a creación de novas prazas de bombeiros.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, contestou que "recollo todas as reivindicacións" e lembrou que estes funcionarios "saben perfectamente que as atenderemos, ao mellor non de forma inmediata, pero o faremos".
O alcalde anuncioulles que para decembro contarán cun novo camión-escaleira para substituír ao que envorcou en 2015, tal día como hoxe, durante un desfile festivo. A súa substitución custa uns 900.000 euros.
Tamén está prevista a reforma do hangar de vehículos do parque para habilitar un tren de saídas.
O pasado ano 2018 os bombeiros de Pontevedra tiveron unhas 540 actuacións, trinta máis que no ano anterior. Reducíronse drasticamente as saídas fóra do termo municipal, que foron apenas unha decena.