O Náutico de Sanxenxo renuncia ao pantalán situado fronte á praia da Panadeira
Por Redacción
O Real Club Náutico de Sanxenxo comunicou oficialmente a súa renuncia ao pantalán situado fronte á praia da Panadeira.
Por decisión unánime da súa xunta directiva e de forma voluntaria, solicitou a Portos de Galicia suprimir o pantalán Norte, próximo á praia da Panadeira. Isto supón reducir as 124 prazas do proxecto aprobado a pouco máis de 60, é dicir, redúcese practicamente á metade o número de amarres orixinais, quedando mesmo menos embarcacións das que anteriormente utilizaban os fondeos, que nos meses de agosto chegaban a ser preto de 90.
Dende a dirección do Náutico insistiron na "absoluta legalidade do proxecto orixinal de instalación dos seus peiraos, así como a ausencia de impacto ambiental en xeral", e en concreto sobre a praia da Panadeira, "xa que os ditames de todos os expertos, tanto de Portos de Galicia coma dos outros organismos competentes, así o confirman".
Dende o Club aseguran que recolleron as suxestións e preocupacións do equipo de goberno do Concello sobre este proxecto, "moi especialmente a partir do comezo das obras ", e tamén do resto de partidos políticos, así como ás distintas asociacións e plataformas da localidade, "detectando que existe unha sensibilidade especial coa instalación do peirao máis próximo á praia".
A renuncia á instalación do peirao Norte provocará que o club teña que realizar un esforzo económico adicional no proxecto para manter os obxectivos de potenciar ao máximo as actividades deportivas, as sociais e as de organización de eventos.