O Concello de Ponte Caldelas incorpora 10 traballadores
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas incorporou este venres aos 10 operarios que prestarán servizo durante os próximos 8 meses en diversos operativos municipais, no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra.
A diferencia da práctica habitual na contratación deste tipo de traballadores, o Concello de Ponte Caldelas mantén a súa política de salarios dignos e, por este motivo, retribuiraos cos salarios correspondentes ao convenio do sector da Construción. Deste xeito os soldos brutos serán de 1.146 euros ao mes para os que desempeñen xornada de 30 horas semanais e de 1.321 euros ao mes para o que vai desenvolver xornada de 35 horas semanais.
Os operarios pasarán á brigada de corta de broza nos espazos públicos do rural (5), ao servizo municipal de Obras (4) e ao manexo da máquina varredora para a limpeza viaria do centro urbano (1). O proceso de selección estivo dirixido por un técnico da Deputación.
O alcalde, Andrés Díaz, subliñou no acto de recepción e entrega do material de traballo que a experiencia dos anos anteriores demostra que o rendemento e a satisfacción é maior cando a relación laboral está sustentada sobre o convenio. "Noutros concellos pagan 400 euros, pero nós preferimos menos xente e máis motivada", sinalaron dende o goberno local.
Adicionalmente ao Plan de Emprego da Deputación, o Concello de Ponte Caldelas concorreu tamén ás tres liñas de subvencións que vén de sacar a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Así, dentro do programa Aprol Rural, para fomento do emprego no medio rural, solicitará un administrativo e un peón forestal que prestarán servizo durante 9 meses a xornada completa. Tamén un mínimo de dúas persoas perceptoras da Renda de Integración Social de Galicia (Risga) (75% da xornada laboral durante 9 meses) e, finalmente, dentro do programa de Mellora da Empregabilidade, dous socorristas para atender a praia da Calzada durante un período de 3 meses.