As mulleres de Pontevedra, preparadas para parar o mundo

Por Redacción
Chegou o día. Este venres 8 de marzo, Día Internacional da Muller, está convocada a segunda folga de mulleres da historia para reclamar igualdade real de oportunidades e dereitos entre homes e mulleres, unha xornada de paro feminista laboral, de coidados, de consumo, estudantil e asociativa á que están chamadas todas as mulleres. Agárdase unha participación masiva e hai convocadas concentracións e manifestacións por toda a comarca de Pontevedra para demostrar o lema xeral "Sen as mulleres, para o mundo".
A convocatoria oficial parte das centos de organizacións de índole estatal, autonómico e local, que en Galicia están articuladas arredor da plataforma Galegas 8M, e formalizouse oficialmente por parte de diversos sindicatos. Algúns, como CIG, CNT, UGT e CGT rexistraron unha convocatoria de folga xeral de 24 horas. CC.OO convocou unha folga xeral laboral de dúas horas por quenda, aínda que será ampliable a 24 horas nalgúns sectores; USO convocou paros de dúas horas por quenda; e CSIF, paros dunha hora.
En Pontevedra, Galegas 8M convocou dos actos unitarios sen siglas en horario de mañá e tarde. Ás 13.00 horas hai convocada unha concentración na praza da Ferrería na que feministas históricas da cidade lerán un manifesto pactado a nivel galego. Ás 20.00 horas partirá unha manifestación do Hospital Provincial con remate na Alameda.
O sindicato CIG secundará ambas as dúas convocatorias e tamén convocou unha manifestación que partirá ás 12.00 horas da praza da Peregrina. Os sindicatos UGT e CC.OO. non fixeron convocatoria específica de mobilizacións e súmanse ás de Galegas 8M.
En Poio, a Concellería de Igualdade e o CIM convoca un paro no espazo situado diante do centro social e ás 11.45 horas lerase un manifesto. O Coro da Terceira Idade da Casa Rosada interpretará unha canción que prepararon para a data.
Ademais, a Asemblea Feminista Armadiña, integrada en Galegas 8M, acudirá aos actos de Pontevedra ás 13.00 e as 20.00 horas e promove unha colgada de mandís ao redor da praza da Chousa de Combarro e pide a colaboración veciñal para colgar os seus mandís nas xanelas, facendo saber que elas tamén secundan a folga. Ademais colgaranse frases de mulleres recoñecidas ao longo da historia por toda a vila de Combarro.
En Ponte Caldelas, o Concello organizou un acto oficial a partir das 19.30 horas na Casa da Cultura coa actuación do cantautor Manoele de Felisa. Haberá unha charla coloquio con mulleres traballadores de distintos ámbitos e farase unha presentación de diversos libros escritos por mulleres e que forman parte do fondo bibliográfico de Ponte Caldelas a modo de repaso por todos os xéneros e sempre con sinatura de muller.
Estas obras formarán parte da exposición "Verbas de Mulleres" que será instalada na sala de exposicións e permanecerá ata o 20 de marzo. Ademais, o Concello habilita un libro en branco para que todas as persoas que participen no acto ou visiten a exposición poidan plasmar nel as súas arelas ou reflexións sobre a igualdade, a loita de xénero ou as barreiras que aínda teñen que superar as mulleres.
En Marín, haberá actos organizados polo Concello e polo grupo local de Galegas 8M, integrado polo Espazo Feminista Marín e o Colectivo Feminista Zeivas. Estes colectivos fan un chamamento á participación de toda a sociedade nunha manifestación a partir das 20.30 horas. Sairá do Concello e percorrerá as rúas da vila.
Desde o Concello de Marín, a Concellería de Benestar Social facilitou globos de cor violeta aos centros educativos de Educación Infantil e Primaria co símbolo da igualdade entre mulleres e homes e anima á veciñanza a colocalos nas fiestras e balcóns das casas. Aquelas persoas interesadas en colocar globos poden recoller o material no Departamento do Rexistro do Concello ou nas instalacións do CIM. Ademais, colocaranse carteis elaborados polo alumnado de secundaria nas 'marquesinas' das rúas.
O acto institucional oficial será no Concello ás 12.30 horas e contará coa participación de traballadoras das fábricas de elaborados do Porto de Marín.
Relacionadas:
-
Concentración de solidariedade coa vítima da "manada de Manresa" ao berro de "Non é abuso, é violación"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Ponte Caldelas dá voz no 8M a mulleres que racharon cos tópicos laborais
Por Redacción |
-
Marín recoñece no seu 8M a traxectoria das mulleres do sector dos elaborados do mar
Por Redacción |
-
Pontevedra esixe non dar "nin un paso atrás" ante unha revolta feminista que é "imparable"
Por Alejandro Espiño & Victoria Regueira |
-
VÍDEO.- A CIG, co 8M en Pontevedra: "Galiza enteira treme"
Por Diego Espiño & Victoria Regueira |
-
O xornalismo de Pontevedra, sen voces femininas no 8 de marzo
Por Alejandro Espiño |
-
Mobilización histórica das mulleres pontevedresas
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada