RADIO.- Conversas na Ferrería en clave de Murga Sen barreiras, "libres nesta sociedade"
Por Marisa Ciordia
O Centro Ocupacional Méndez Núñez xestionado pola Asociación de Pais de Discapacitados intelectuais Virxe da O, fíxose un oco e con moitos aplausos no certame de murgas de Pontevedra deste entroido.
A súa directora María Luisa Dónega, explica en PontevedraViva Radio, que esta participación enmárcase nas actividades que este 2019 están a desenvolver e teñen previstas con motivo do 30 aniversario deste servizo de atención a persoas con discapacidade intelectual na cidade.
Ás Conversas na Ferrería acompañáronlle Sole e Olaia Díaz, Kiko Pacho, Raquel Álvarez, Vanesa Tato e José Luis Dacosta. Contan que este pasado mércores 6 - cando foi a súa actuación - "ao principio estabamos moi nerviosos"; só ao principio, porque xa teñen moitas táboas nisto de subirse aos escenarios. E fan fincapé no feito de que a súa interpretación foi sen ler, sen papel no atril, "de memorión". A Escola Uterpe acompañoulles coa música durante a actuación.
Saíron de emoticonos, de modernos, saídos da ducha, de traballadores, de raperos.... todos cunha mensaxe unánime: "somos persoas normais, que sabemos o que queremos facer e dicir, que sabemos loitar. As palabras sen barreiras queren dicir que xa está ben de que nos pechen as portas porque temos os mesmos dereitos que o resto".
Con tanta emoción viñéronse arriba e din que para o próximo ano queren repetir.