Fiscalía pide cinco anos de cárcere para un home por abusar sexualmente de dous menores
Por Oskar Viéitez
A sección segunda da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves 14 de marzo un xuízo contra un home acusado de abusar sexualmente de dous menores.
Segundo o relato da Fiscalía no escrito de acusación, unha das menores acudía cos seus pais á vivenda do imputado, onde supostamente cometía os abusos. Despois, facíalle pequenos agasallos como chucherías, pulseiras ou gomas do pelo, segundo o Ministerio público.
Á outra nena, de cinco anos, abordouna cando xogaba nas inmediacións dun bar onde estaba o seu pai.
A Fiscalía pide cinco anos de cárcere e interesa a imposición da medida de internamento para tratamento médico ou educación especial nun establecemento adecuado durante un máximo de cinco anos, pois sostén que o imputado reúne "características concordantes con atraso mental leve, o cal lle causa unha afectación moderada das súas capacidades intelectivas e volitivas en relación a estes feitos".
O caso procede do xulgado de instrución número dous de Cambados.