O histórico dirixente veciñal Ángel Mario Lago irá na lista do PSOE ás municipais
Por Redacción
Ángel Mario Lago, unha das persoas máis senlleiras do movemento asociativo veciñal en Pontevedra, aceptou a oferta do PSOE para formar parte da súa candidatura ás próximas eleccións municipais de maio.
Para o candidato socialista, Tino Fernández, Ángel Mario Lago amosa a "decidida aposta" do partido para mellorar a situación dos barrios e das parroquias da cidade, ao tratarse dunha das persoas "máis activas" entre as forzas vivas de Pontevedra.
Durante a súa traxectoria, entre outras responsabilidades, foi voceiro da Federación Veciñal Castelao, a Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro e a Plataforma 5-J.
O dirixente veciñal, que irá en postos de cabeza nas listas do PSOE por Pontevedra, amósase crítico co "estado de abandono" no que se atopan algúns barrios da cidade, como é o caso de Monte Porreiro, polo que ve prioritario que se leven a cabo proxectos de humanización e optimización de servizos.
Lago tamén considera esencial a mellora da rede de transportes, tanto en frecuencias "como no prezo do billete", xa que entende que as actuais conexións co centro da cidade non permiten dar resposta ás necesidades das persoas que viven nas parroquias e nos núcleos de poboación do contorno.
Relacionadas:
-
Gloria Blanco, Iván Puentes e Paloma Castro escoltan a Tino Fernández á fronte da lista do PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
Ada Otero, a primeira candidata transexual ás municipais, pon xa un acento reivindicativo no 8M
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
O PSOE de Pontevedra ficha a Marcos Rey para a súa candidatura local
Por Oskar Viéitez |