San Marcos solicita licenza para unha sala de velorio no centro de Ponte Caldelas
A empresa funeraria San Marcos busca ampliar os seus servizos en Ponte Caldelas coa creación dunha nova sala de velorio no municipio.
Este xoves presentou no rexistro do Concello o proxecto para tramitar a licenza de actividade, que vai permitir dotar ao municipio dunha nova sala de velorio nunha localización moi céntrica.
Cumprindo co plan de expansión que iniciou a empresa hai varios anos, coa creación do primeiro forno crematorio da comarca situado no polígono industrial da Reigosa, San Marcos quere continuar mellorando as prestacións que vén ofrecendo aos seus clientes, cunhas instalacións para as que proxecta a incorporación da última tecnoloxía. Concretamente, trátase dun novo sistema de túmulo mortuorio cunha zona acristalada de exposición de féretros, que permite á familia unha maior proximidade ao falecido. Ademais, San Marcos manterá a mesma liña decorativa e de servizos existente noutras instalacións da provincia.
A empresa funeraria San Marcos conta con tanatorios en municipios limítrofes como A Lama, Pazos de Borbén, Soutomaior e Pontevedra, ademais doutros en Marín, Barro, Poio, Salvaterra e Caldas.
Con este novo proxecto, a funeraria potenciará a súa presenza na zona de Ponte Caldelas, A Lama e Soutomaior, o que permitirá continuar ofrecendo mellores servizos aos seus clientes. Ademais, a empresa continúa traballando noutros dous proxectos de expansión que confía pechar ao longo deste 2019.