"Órdago á grande" da Deputación. Ofrece á Xunta o traspaso de 6 equipamentos
Por Oskar Viéitez
Coma un "órdago á grande" a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva pediu ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo que "mañá mesmo" convoque unha comisión mixta de transferencias para que a comunidade autónoma asuma o traspaso unha serie de competencias que a día de hoxe esta xestionando a administración provincial.
En concreto, Carmela Silva expuxo as transferencias das fincas de Mouriscade, a estación fitopatolóxica do Areeiro, a escola de Enfermería, a escola de Cantería, a cidade infantil Príncipe Felipe e o Museo de Pontevedra. Todos eles son "competencia exclusiva da Xunta de Galicia", apuntou.
"Estamos dispostos a transferir eses seis equipamentos" e ademais, engadiu Carmela Silva "estamos dispostos a darlles 10 millóns de euros anuais para que a Xunta asuma esas transferencias con dotación económica".
Carmela Silva lembrou que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera comunicou o inicio do procedemento para converter ao Museo Provincial nun organismo autónomo "para que recupere a autonomía que perdeu co Partido Popular cando era presidente o señor Louzán". "Ser organismo autónomo facilita moitísimo a transferencia", sinalou.
A presidenta da Deputación fixo referencia á carta "por non chamarlle pasquín" enviada polo conselleiro de Cultura Román Rodríguez na que lle anuncia que a Xunta estaría "disposta a asumir a xestión" do Museo e expón "iniciar a negociación para lograr unha transferencia efectiva do devandito equipamento cultural".
Carmela Silva tamén preguntou a Román Rodríguez, como responsable de Patrimonio Histórico, se está disposto a poñer nos orzamentos "os 14 millóns euros que son necesarios para a conservación do Pazo de Lourizán" un inmoble histórico que é propiedade da Deputación pero que está cedido á Xunta.
Finalmente a mandataria provincial insistiu en que "mañá mesmo", 8 de marzo, cre esa comisión mixta de transferencias para que se reúna o vindeiro luns "se pode ser, porque mañá a presidenta da Deputación fai folga".
Relacionadas:
-
Agardan materializar no primeiro semestre de 2023 a transmisión da titularidade do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta traslada á Deputación a súa "plena e inmediata disposición" a asumir o Museo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Os traballadores do Museo opóñense a que sexa un organismo autónomo e que se transfira á Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. pide participar na mesa de negociación das transferencias entre a Deputación e a Xunta
Por Oskar Viéitez |
-
Cultura pide información sobre o Museo para "comezar a traballar" no seu traspaso
Por Alejandro Espiño |
-
Amigas e Amigos do Museo solicitan que a Xunta asuma a xestión do Museo de Pontevedra
Por Olaya Madrigal |
-
Mosquera sinala a "imposibilidade" de chegar a acordos coa Xunta como única "lagoa" no mandato da Deputación
Por Oskar Viéitez |