Cinco persoas resultan ilesas tras un choque múltiple en Combarro
Por Redacción
Un espectacular accidente de tráfico, ocorrido este mércores en Combarro, por sorte tan só se saldou con danos materiais nos tres vehículos implicados.
Segundo informou a Policía Local de Poio, o sinistro produciuse sobre as tres da tarde na Avenida da Costa.
A condutora dun todoterreo, por causas que se investigan, perdeu o control do seu coche e nunha curva chocou contra un turismo no que viaxaban unha muller e os seus dous fillos menores. Todos eles resultaron ilesos, aínda que esta última aseguraba ter dores cervicais.
O choque tamén provocou que o turismo golpease un coche que estaba aparcado e cuxo condutor se atopaba a piques de meterse nel. Esta persoa tampouco resultou ferida.
Ao lugar, xunto con axentes da Policía Local, acudiron entre outros corpos de emerxencias a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil.