Os novos empresarios de Galicia entregarán os seus premios anuais en Sanxenxo
Por Redacción
Ata Sanxenxo trasladaranse os novos empresarios de Galicia para entregar o Premio Novo Empresario 2019 e Premio Novo Emprendedor 2019. As instalacións do Real Club Náutico acollerán o próximo 4 de abril a gala organizada por AJE Galicia.
A presentación de candidaturas estará aberta ata o 31 de marzo e pode realizarse a través da páxina web de AJE Galicia. Os premios recibirán 1.500 euros e outros 8.000 euros en bolsas de formación.
Para optar a estes galardóns os candidatos non deben superar os 41 anos, a empresa debe ter domicilio social en Galicia e polo menos o 25% do seu capital social debe estar en mans de persoas físicas menores de 41 anos.
Para a concesión do Premio Novo Empresario, o xurado valorará aspectos como a creación de emprego estable, a evolución dos beneficios da empresa, o volume de investimento realizado, o carácter innovador do proxecto, o grao de proxección nacional e internacional, as boas prácticas empresariais ou o grao de implicación no asociacionismo empresarial.
Pola súa banda, o xurado entregará o Premio Novo Emprendedor tras analizar o perfil dos promotores, a innovación que supón o servizo ou produto, a orixinalidade e aqueles proxectos de sectores emerxentes. Neste caso non deben superar os dous anos de actividade.
A oitava edición destes galardóns entregarán ademais catro accésits: á innovación, á creación de emprego, á internacionalización e á responsabilidade social empresarial.
O presidente de AJE Pontevedra, Pablo Fernández, explicou como organizador da gala que a provincia é "algo más" que Vigo e Pontevedra, polo que neste caso quixeron apostar por un concello "diferente", elixindo Sanxenxo por ser "tractor" no sector turístico e un "ejemplo" na diversificación da economía.