Unha nova modificación de crédito eleva o orzamento municipal ata os 74 millóns de euros
Por Redacción
Case 4 millóns de euros. ÿ a cantidade que o Concello de Pontevedra incluirá nos próximos días nunha nova modificación de crédito. Destinarase nun 90 por cento a investimentos, segundo desvelou este xoves o concelleiro de Facenda, Raimundo González. Aprobarase no próximo pleno municipal e destinarase a financiar actuacións no rural, en accesibilidade urbana, na promoción da cidade e en servizos sociais.
En concreto, Raimundo González destacou que 1,1 millóns de euros investiranse en obras nas parroquias pontevedresas, un millón de euros á rehabilitación integral de rúas urbanas, un millón de euros a outras reformas e actuacións urbanísticas, 250.000 euros a actividades de promoción da cidade, especialmente deportivas, e o resto a aumentar a contía dos convenios con Cáritas, o comedor de San Francisco, Calor e Café, Rexurdir ou Amencer.
Con esta modificación de crédito, o orzamento municipal "a día de hoxe" ascende a 73,8 millóns de euros, cos que se estaría "ao límite" do máximo que lle permite a Pontevedra a lei de estabilidade orzamentaria e o coñecido como teito de gasto. En todo caso reiterou que, tal e como anunciaran, "forzamos a situación ata o límite", o que permitiu que os investimentos directos superen os 15 millóns de euros.
E segundo afirmou o concelleiro nacionalista sen endebedarse, xa que dous dos catro millóns desta modificación de crédito saen do remanente líquido de tesourería. O resto son "reaxustes" contables que proveñen de liquidacións de obras, de partidas de obras "imposibles de executar" ou de cantidades sobrantes doutras actuacións.
Tras esta modificación, o remanente líquido que queda nas arcas municipais ascende a 4 millóns de euros, unha cantidade que o goberno municipal non poderá tocar "porque superariamos o teito de gasto". Por iso é polo que criticase, unha vez máis, que o Goberno central "non deixe gastar aos concellos os cartos que teñen".