O xuíz Vázquez Taín e o escritor Álex Rovira reflexionarán en Pontevedra sobre educación
Por Redacción
Afundación puxo en marcha unha nova edición do seu ciclo de conferencias "Educación século XXI" que, ao longo dos próximos meses, traerá a Pontevedra ao xuíz José Antonio Vázquez Taín e ao escritor e economista Álex Rovira.
Este ciclo busca difundir modelos formativos diversos, en consonancia cos desafíos e as realidades sociais actuais, e ofrecer foros de intercambio de coñecemento que apelen ao conxunto da comunidade educativa, incluíndo tanto a docentes como a familias.
Vázquez Taín abrirá o ciclo co relatorio Por que non aprendemos das nosas experiencias?, na que abordará como a pesar de que cada perigo é reiteración de situacións de risco vividas polo ser humano, cada xeración perde unha parte dos seus membros por cometer erros que xa eran anunciados.
Neste contexto, o xuíz preguntarase, desde a súa experiencia, se é posible atopar unha linguaxe universal que transmita o vivido de xeración en xeración e aprender así do pasado. A súa conferencia será o 28 de marzo ás 19.30 horas.
Pola súa banda, Alex Rovira falará o 11 de decembro en Pontevedra sobre a necesidade de crear talento a partir de educar na curiosidade e o amor polo coñecemento. Como el mesmo subliña "a paixón aplicada ao coñecemento e á súa vez o coñecemento aplicado con paixón ao que facemos transforma o mundo".