Os comerciantes e veciños da Praza da Verdura demandan a regulación do mercado de antigüidades dominical
Por Redacción
Os veciños e comerciantes da praza da Verdura mantiveron unha reunión coa concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, a raiz dos últimos problemas que detectaron no mercado de antigüidades que se desenvolve durante os domingos nesta praza.
Nesta entrevista expuxeron que, nos últimos anos, este mercado se encontra incontrolado e se venden todo tipo de produtos, mesmo de alimentación, competindo de xeito desleal co comercio establecido. Por este motivo, os veciños e comerciantes requiren unha regulación desta cita dominical.
Neste sentido, a concelleira Carlota Román sinalou que se iniciará un proceso interno no Concello para avaliar a mellor fórmula para regular esta actividade que, ao ter carácter tradicional, nin sequera encaixa directamente dentro do apartado de venda ambulante. Ademais, indicou que se manterá atenta ao Decreto que vai emitir a Xunta de Galicia para regular este tipo de vendas.
Na reunión á que asistiron a presidenta da asociación veciñal, Mariluz Fernández, e o presidente do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Miguel Lago, tamén se fixo referencia á presenza de "colectivos marxinais" que provocan friccións durante o desenvolvemento do mercado de antigüidades.
Segundo manifestou a concelleira, o mercado carece dunha normativa municipal que regule a celebración e a adxudicación dos postos de venda e ten previsto estudar unha solución a estes problemas que se veñen detectando.
Relacionadas:
-
O mercadillo da Verdura será trasladado á rúa Serra "nun prazo curto de tempo"
Por Redacción |
-
Un policía local denuncia un hostaleiro por botar uns vendedores do rastro da Verdura e montar a súa terraza
Por Anxo Lourido |
-
O Concello regulará o mercado de antigüidades e propón o seu traslado da Verdura a Mugartegui
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello, disposto a regular o "caos" do mercadiño de antigüidades da Verdura
Por Alejandro Espiño |