Lola Ramos, 57 anos, 36 traballando e toda a vida loitando polos dereitos do persoal de Clesa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Traballadora da factoría de Clesa en Caldas de Reis desde xuño de 1983. Afiliada a UGT desde finais da década dos 80. Unha das cabezas visibles da loita de todo persoal para defender os seus postos de trabajo ante a ameaza de ERE e peche de 2010 e 2011. E este ano 2019, protagonista dos actos do seu sindicato con motivo da conmemoración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
Esta vida de loita, con 36 anos dos seus 57 de vida traballando, ten un nome propio: Lola Ramos, e desde este martes pon tamén nome a un galardón, a edición 2019 do Premio 8 de Marzo que cada ano concede UGT para recoñecer ás mulleres que se teñan distinguido pola defensa e reivindicación da igualdade de dereitos de homes e mulleres, en especial no eido laboral e dende a súa labor sindical.
A homenaxeada non puido conter a emoción nin as bágoas durante o acto de entrega do premio celebrado na sede local de UGT e amosouse especialmente agredecida polo feito de que foran os seus propios compañeiros -a Federación de Industria, Construcción y Agro de UGT- os que propuxeron o seu nome. "Non son de medallas, as persoas que loitamos de base nos estamos afeitas a isto, estamos afeitas aos paus", explicou visiblemente conmovida.
A emoción invadiuna tamén á hora de defender as siglas de UGT, á que asegura que será fiel porque "vivín momentos moi duros e nunca recibín negativas de ningún tipo". Mesmo nos momentos máis duros de negociación do ERE tivo asesoría legal as 24 horas do día os sete días da semana. Aínda que se afiliou a finais da década dos 80, tivo espírito sindical desde moito antes, sempre mantendo e defendendo as reivindicacións que lle ditaba a súa conciencia de clase, segundo destacan desde o seu sindicato.
Baixo estas siglas tivo postos de responsabilidade desde hai anos. Na década dos 90 entrou a formar parte da Executiva da Federación de Alimentación e ostentou as secretarías de Formación e de Asuntos Sociais e Igualdade. Desde UGT destacan que no ano 1997 secundou unha folga indefinida, pero ao ser unha minoría o persoal do seu departamento o que a secundou, foille moi fácil á dirección enfocar nela todas as represalias. Dese momento, "tremendamente doloroso", sacou forza e acabou ganado a batalla á empresa nos xulgados.
En xaneiro do 2008 converteuse en presidenta do comité de empresa e desde ese posto liderou a loita sindical a partir de que no ano 2010 empezaran os problemas de Clesa, con impagos de salarios, ata rematar nun ERE e entrar en concurso de acredores. Neses anos, puxo "todo o seu esforzo" co único fin de salvar os máximos postos de traballo posibles, loitando sempre pola parte humana da empresa, da que destaca que "a máis importante sen ningunha dúbida e seguirao sendo". Logrou que Clesa siga traballando e en mans de exclusivo capital galego.
Na defensa desa traballo sairon este martes integrantes de UGT como o secretario comarcal, Ramón Vidal; e as secretarias de Igualdade de UGT en Pontevedra e Galicia, Encarnación Cochón e Mónica Rodríguez. Esta última, ademais, destacou que este premio é moi importante porque "permite visibilizar" o traballo diario de UGT en defensa da igualdade e que Lola Ramos foi nos seus inicios na vida sindical todo un referente feminino nunha época na que os referentes adoitaban ser homes.