Ampliación dun camiño de Pazos, con vistas ao seu asfaltado integral
Por Redacción
A política municipal de aproveitar as obras de conservación, sempre que sexa posible, para ampliar a sección dos camiños municipais ten un novo episodio en Pazos, un dos núcleos máis poboados de Ponte Caldelas.
O Concello vén de retranquear dous tramos dun muro de contención que presentaba un "bandullo" que facía presaxiar a súa inminente caída. Diante deste problema mesmo era difícil o paso dos vehículos de turismo, polo que procedeuse ao apeo completo do muro e a reconstruílo uns 75 centímetros máis atrás gracias á autorización do propietario do terreo.
A obra fai necesario agora o traslado dun poste do alumeado e subministro eléctrico e que será executado nas próximas semanas. Deste xeito o camiño, ao lado da rúa a Eira Vella, quedará en moito mellores condicións.
A actuación é previa á pavimentación ao completo da rede de camiños que comunican os diferentes lugares de Pazos. O Concello xa ten adxudicada esta actuación a unha empresa construtora e afronta os últimos trámites administrativos para a sinatura do contrato que, con toda probabilidade, producirase na próxima semana. A licitación englóbase dentro dun contrato por importe de 100.000 euros, financiado co Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, e que abrangue diferentes lugares do rural.
A pavimentación integral de Pazos, agrupada en dous proxectos, prevé o asfaltado con mistura bituminosa en quente de case dous quilómetros de diferentes ramais deste núcleo e o formigonado doutros case 500 metros, ademais da reparación de toda a rede de pluviais, incluíndo a adaptación ao novo firme das 16 tapas de rexistro existentes.