Sanxenxo licita obras de abastecemento de auga en Vilalonga, Padriñán e Noalla
Por Redacción
O goberno local de Sanxenxo licitará esta semana as obras de instalación dun colector de saneamento de augas residuais e tubaxe de abastecemento de auga en Outeiro (Vilalonga), Ricardo Santos (Padriñán) e Quintáns (Noalla) cun orzamento que ascende a 193.390 euros, que será financiado con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Os prazos de execución de cada unha destas actuacións serán de catro meses unha vez adxudicadas.
A primeira das obras, en Outeiro, está situada preto da capela de Gondar, e aí, unha vez demolido o pavimento, escavaranse 100 metros de gabia e tres pozos de rexistro. Aquí instalarase un colector de saneamento e tres pozos de rexistro, así como a conexión á rede xeral de abastecemento existente. Unha vez terminadas as obras levará a cabo a reposición do firme.
En Ricardo Santos abrirase unha gabia de 280 metros, que permitirá a instalación dun colector de saneamento, un pozo de rexistro, así como a tubaxe necesaria. E unha válvula de comporta, para terminar coa reposición do firme.
Por último, en Quintáns, escavarase unha gabia de 900 metros para a instalación das tubaxes necesarias para o abastecemento de auga e o saneamento de residuais.