A Garda Civil detén un cliente dun bar de Cambados con 200 doses de cocaína
Por Redacción
Un mozo veciño de Ribadumia de 21 anos foi detido tras ser sorprendido pola Garda Civil no interior dun bar con preto de 200 dose de cocaína supostamente dispostas para a súa venda.
A patrulla rural da compañía da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa sorprendeuno na madrugada do venres ao sábado no marco do plan operativo de resposta policial a tráfico polo miúdo e consumo de drogas en zonas, lugares e locais de lecer e diversión.
A Garda Civil realizou unha inspección nun céntrico bar de Cambados sospeitoso de ser un punto de venda e distribución de estupefacientes e, tras atopar a droga, os axentes procederon á detención dun dos clientes do bar. Incautáronlle preto de 200 dose de cocaína dispostas para a venda e 100 euros en efectivo.
O home foi trasladado ao posto da Garda Civil de Cambados detido por un presunto delito contra a saúde pública por tráfico de drogas. Unha vez nas dependencias policiais, realizáronlle un rexistro integral e entre a súa roupa interior ocultaba sete envoltorios máis de cocaína, unha pequena cantidade de haxix e un cogollo de marihuana.
A inspección do bar concluíu coa identificación e denuncia doutros catro mozos por tenencia e consumo de estupefacientes nun establecemento público.