A Deputación construirá unha nova glorieta na estrada O Grove-San Vicente
Por Oskar Viéitez
O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra vai construír unha nova glorieta para regular o tráfico no cruce entre a estrada provincial EP-9101 O Grove-San Vicente e as vías municipais que van cara aos centros educativos de As Bizocas e cara ao campo de fútbol de As Lampáns. A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este luns o proxecto, que segundo anunciou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, ascende a preto de 270.000 euros.
Co proxecto aprobado este luns na Deputación, explica Benítez, construirase unha rotonda dun diámetro interior de 12 metros e exterior de 32 metros. Para a instalación será necesario ocupar preto de 1.400 metros de terreos cedidos por parte da veciñanza da zona. Os traballos comezarán co fresado e demolición do firme na parte da estrada provincial e das vías municipais para despois dispoñer unha glorieta con céspede no círculo central e formigón nos illotes de acceso. Habilitaranse sendas peonís á volta da rotonda de 2,5 metros de ancho comunicadas mediante pasos de peóns sobreelevados.
Tamén se adecuará a drenaxe, se solucionarán as conexión de abastecemento e saneamento, e se instalarán catro novos puntos de luz led sobre columnas de nove metros, que se completarán cun báculo central da mesma altura e catro proxectores.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, unha vez aprobado o proxecto en Xunta de Goberno aprobarase de maneira inmediata o procedemento de licitación para iniciar o trámite da contratación. Abrirase un prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas, elixirase a máis beneficiosa tanto económica como tecnicamente, e procederase á adxudicación formal. Todos estes trámites durarán varios meses polos seus correspondentes prazos legais, polo que o inicio real das obras podería adiarse ata despois do verán para evitar complicacións durante a época estival, algo que se acordará convenientemente co Concello.