Piden que José Manuel Vázquez "Manel" sexa o número 2 na provincia na lista socialista ao Congreso
Por Redacción
Alcaldes do PSOE e distintas agrupacións da provincia de Pontevedra emitiron un comunicado no que se mostran partidarios dunha renovación nas listas do partido que dirixe Pedro Sánchez ao Congreso dos deputados.
Reclaman que se descentralice a elección dunha persoa e que se busque a alguén que integre ás distintas agrupacións da provincia. Outro requisito que consideran necesario é que conte cunha traxectoria política.
Eses requisitos cúmpreos, ao seu entender, o ex alcalde da Illa de Arousa, José Manuel Vázquez Vázquez, "Manel". E propoñen que ocupe o número dous á lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra tanto a súa agrupación municipal na Illa, que formalizou a iniciativa, como os alcaldes de Fornelos de Montes, Cuntis, Ponte Caldelas, Cambados, Nigrán e as agrupacións de Barro, Cotobade e Valga, entre outras.
José Manuel Vázquez é licenciado en Economía e nas eleccións municipais do 99 encabezaba a lista do PSdeG-PSOE na Illa de Arousa. Logrou a alcaldía co apoio do BNG. Mantívose na alcaldía nas municipais de 2003 cun goberno en minoría. Nos comicios de 2007 lograba a alcaldía con maioría absoluta. Volveu repetir en 2011 na alcaldía, grazas a un novo acordo co BNG, ata que en 2013 optou a secretario xeral do PSdeG.