Pontevedra estreará en abril as novas oficinas de Consumo
Por Redacción
As oficinas de Consumo de Pontevedra, situadas actualmente no Paseo de Cervantes -na Alameda-, serán trasladadas ao edificio administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo. A mudanza está prevista, de xeito inicial, para o próximo mes de abril.
O delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, visitou este venres as obras que se están realizando no edificio para acoller estas dependencias, a antiga área de laboratorio de Saúde Pública, que acollerá aos 22 traballadores deste servizo.
O orzamento para esta obra rolda os 47.100 euros e permitirá, segundo Cores Tourís, mellorar a atención aos administrados e a accesibilidade para as persoas con mobilidade reducida.
Os traballos supoñen o movemento e recolocación do mobiliario e equipamento existente, a retirada das luminarias e a súa substitución por led, a modificación da sinalización actual ou o peche dunha estancia con tabiquería.
Ademais, está prevista a construción dunha sala de reunións con mamparas de vidro e a colocación dun novo pavimento laminado e rodapé, así como o pintado dos paramentos verticais e axustes na instalación eléctrica.