Lores seguirá visitando obras e ve unha "ridiculez" a prohibición electoral
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores visitou este venres as obras de reforma na rúa Benito Corbal. En teoría, este tipo de actos quedarán prohibidos a partir do 4 de marzo. O límite márcao a lei electoral e corresponde coa data de convocatoria das eleccións.
A lei indica que non se poden inaugurar nin facer balances ou editar publicacións e folletos desde a convocatoria de calquera cita electoral. E neste caso se solapa o período previo das xerais co das locais, polo que a prohibición esténdese ao conxunto de administracións.
"Eu penso visitar as obras que estime convenientes", asegurou Fernández Lores. "Isto non é un acto electoral, senón estaría facendo todo o ano actos electorais" xustificou o alcalde en referencia á "capacidade de investimento alto" que ten o Concello.
Ao rexedor da capital parécelle unha "ridiculez" esa prohibición. E reiterou que "nós nunca fixemos as obras para inaugurar en época electoral".