O BNG propón crear en Marín un parque temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos
Por Redacción
O BNG de Marín aposta por crear na localidade un Parque Temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos, unha proposta que se converterá nun dos eixos da súa campaña electoral de cara aos comicios municipais do 26 de maio, pois consideran "fundamental" a conservación e posta en valor da contorna natural.
A proposta pasa por crear unha gran área de lecer forestal comprendida entre o Espazo dos Sete Camiños, no monte Pornedo, o Lago de Castiñeiras e a Cruz da Maceira. Elixen esta zona porque ten unha enorme riqueza natural, paisaxística, etnográfica, inmaterial e, sobre todo, arqueolóxica.
Desde o BNG destacan que a protección dos montes debe ser un dos principios reitores da iniciativa política dos concellos como base para un desenvolvemento racional da contorna, tanto desde o punto de vista do aproveitamento forestal como do turismo de calidade. Neste sentido, apostan por fomentar unha política paisaxística e ambiental que implique as comunidades de montes, os propietarios e as administracións co fin de conservar e mellorar os espazos naturais de Marín.
Con esta proposta pretenden crear e multiplicar sinerxías económicas, medioambientais, deportivas e arqueolóxicas nun mesmo espazo delimitado, que podería ser ampliado en colaboración cos concellos limítrofes.
Os nacionalistas recoñecen que se trata dunha proposta ambiciosa que vai necesitar da implicación de distintas administracións, en especial a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, e tamén a colaboración das comunidades de montes, segundo indica Xurxo Agra do Pazo, responsable local do BNG de Marín.
A proposta tamén ten un enfoque económico e inclúe a creación de infraestruturas hostaleiras e de restauración para dinamizar os núcleos rurais e fomentar o turismo mediante a recuperación de casas rurais, así como poñer en marcha unha ruta de furanchos, tabernas e restaurantes rústicos.