O 061 ensina ao alumnado do colexio de Cabanas como actuar ante unha emerxencia
Por Oskar Viéitez
Un grupo de rapaces do colexio de Cabanas-Salcedo participou este xoves nun curso básico de emerxencias sanitarias.
Profesionais dos servizos de Urxencias da área sanitaria de Pontevedra, acompañados por técnicos sanitarios do 061, ensinaron a alumnos e profesores como abordar de situacións de emerxencias, como actuar ante elas para axudar a outras persoas mentres chegan os equipos de emerxencias e aprender así a xestionar estas situacións de maneira exitosa.
Os alumnos repasaron onde chamar e que facer no caso de presenciar estas situacións.
Ademais déronlles consellos para poder actuar naqueles accidentes máis frecuentes na súa contorna doméstica ou escolar como as caídas ou tropezos, atragantamientos, queimaduras, cortes ou feridas, co obxectivo de que poidan minimizar as consecuencias destes incidentes.
Os escolares puideron ver tamén o interior dunha UVI móbil do 061 e o equipamento do que vai dotada para a atención sanitaria urxente dos pacientes.