"Ramonas On Tour" unha iniciativa da Deputación "para estender a igualdade"
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este xoves a programación impulsada pola institución ao abeiro do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que arranca este venres coa colocación nas fachadas do Pazo provincial e na sede de Vigo, dunha pancarta animando á participación na folga feminista de 24 horas.
O venres 8 de marzo, a presidenta informou que "tanto eu como as mulleres deste goberno e do gabinete participaremos na folga". Ese día lerase ás 11.00 un manifesto na escalinata do Pazo para poder participar, a continuación, nas mobilizacións previstas.
No marco da programación con motivo do 8 de marzo impulsaranse tres eventos "para extender la igualdad": o "Ramonas on Tour" e as xornadas "Muller e poder" e "As mulleres crean".
Sobre "Ramonas on Tour" Carmela Silva adiantou que se desenvolverá o 15 de marzo en Vigo e o 22 de marzo en Pontevedra. Trátase dunha xornada de actividades durante a cal se desenvolverán dúas actuacións musicais (para o público infantil pola mañá e para o público xeral pola noite) a cargo da banda de rock "Ramonas on tour", obradoiros infantís, unha exposición e charlas e conferencias.
Pola súa banda as xornadas "Muller e poder" e "As mulleres crean" terán lugar na sede da Escola de Igualdade María Vinyals, no Castelo de Soutomaior. A primeira delas o 3 de abril e traerá ata Soutomaior a mulleres de ámbitos como a ciencia, tecnoloxía, a cultura, a empresa, o deporte, medios de comunicación e política que aportarán as súas experiencias. En canto a "As mulleres crean", terá lugar en maio e trátase dunha xornada na que se afondará no papel da muller no eido da literatura, cultura e arte.
Xunto a estes tres actos, este venres ás 11.00 tanto Carmela Silva como o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, darán o pistoletazo de saída á segunda edición do encontro de mulleres columnistas "As mulleres que opinan son perigosas".
Tamén o venres en Cangas e o 21 de marzo en Vigo terán lugar as inauguracións da exposición "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" que contará con novos materiais. O 7 de marzo a programación da Deputación de Pontevedra continuará coa inauguración na Guarda da exposición "Rompe. Xoga en igualdade". Pola súa banda "Mulleres en acción. Violencia Zero" levará ata Barro e Vilagarcía de Arousa, os días 11 e 26 de marzo, dúas accións protagonizadas por Teresa Búa e Luz Darriba. Amais o 12 de marzo presentarase en Vilagarcía o libro "María Vinyals. Un talento rebelde" e o 22 chegará a Vigo a mostra "Sorrisos transformadores".
Relacionadas:
-
'Mala xente!', unha regueifa feminista para buscar a fin da violencia machista
Por Redacción |
-
Violencia Zero propón á mocidade de Barro deixar a un lado os roles de xénero
Por Redacción |
-
Ramonas, as Pussy Riot galegas, reivindicarán o debate feminista na Ferrería o 22 de marzo
Por Olaya Madrigal |
-
"Xuntas somos poderosas", a cuarta onda do feminismo avanza no Encontro en Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha pancarta no Pazo Provincial anima a secundar a folga feminista do 8M
Por Almu Dapena |