Vivir a historia en Terras de Pontevedra
A relevancia dos territorios que hoxe conforman Terras de Pontevedra na historia é indiscutible. Dende as calzadas romanas aos petróglifos, das igrexas románicas aos altares churriguerescos, son moitas as mostras dun pasado emocionante e creativo.
Hoxe en día, é posible revivir os tempos pasados, dende o século XV ó século XX, ao longo e ancho da provincia.
Neste artigo destacamos catro das festas históricas imprescindibles nas que mergullarse no pasado e algunhas ideas máis para conectar coa historia de Terras de Pontevedra.
ENTROIDO DE COBRES
O Entroido de Cobres (Vilaboa) é un dos mais vistosos e participativos de Galicia e está declarado de Interese Turístico. Composto por unhas personaxes e vestimentas características, que se manteñen dende comezos do século XVIII, ten modernizado tan só algunhas accións, como a corrida do galo, para adaptalas á sensibilidade actual.
Este entroido único de raíces na Idade Media, mantívose vivo a través dos séculos grazas á tradición oral. Conta con característicos bailes e tradicións, representando dunha forma cómica os aconteceres e realidades das distintas clases sociais a través de figuras do pasado, como os paisanos que acompañan aos galáns e madamas.
FEIRA DE CUSPEDRIÑOS
Retornar ós anos 50-60 do século XX é posible en Cuspedriños, na parroquia de San Xurxo de Sacos (Cerdedo-Cotobade). A festa rememora aqueles tempos nos que a feira de gando de Cuspedriños era todo un referente na economía da época.
Aínda que o eixo da feira xa non sexa a gandería, esta segue estando presente coa exposición de razas autóctonas, como a galiña de Mos e o porco celta; así como a agricultura e a artesanía tradicional. Van acompañados de coches de época, cantigas de rega e ruadas para completar un cartel de festas que cada ano atrae a un maior número de visitantes. A cita será a principios de xuño.
FESTA CORSARIA DE AGUETE
O pasado mariñeiro da ría de Pontevedra é incuestionable. Orixe de grandes navegantes e de temidos piratas, en Marín mesmo é posible atopar corsarios, aínda que só sexa na coñecida como Festa Corsaria, que se celebra a mediados del mes de agosto.
A celebración conmemora a batalla de Aguete, que tivo lugar no ano 1800 entre o exército inglés e a frota dos irmáns Gago de Mendoza, que protexían a fragata Acudia, cargada coa prata do rei Carlos IV.
Ademais da batalla contra os ingleses, música, gastronomía e artesanía atraen por igual a veraneantes e marinenses durante toda a fin de semana. Sen dúbida, un bo momento para acercarse a descubrir a parte máis antiga de Marín, onde aínda hoxe se atopan algunhas das antigas casas de mariñeiros e corsarios.
Tamén podemos vivir o pasado de Marín durante as festas de San Miguel, nas que se interpreta a Danza das Espadas, dende hai preto de catro séculos. Está declarada de Interese Turístico.
FEIRA FRANCA DE PONTEVEDRA
No 1467, o rei Enrique IV outorgou á medieval Pontevedra o privilexio da Feira Franca. En virtude deste, autorizábase á que, por aquel tempo, era a vila máis poboada de Galicia, a celebración dun mercado libre de impostos e dun mes de duración, ao redor da festividade de San Bartolomeu.
Rememorando este tempo de puxanza económica, a cidade transfórmase para celebrar un gran mercado medieval no que a gastronomía, os torneos de cabaleiros e multitude de actividades históricas e culturais son o principal atractivo.
Unha oportunidade para vestirse con roupaxes medievais e participar nas distintas actividades para vivir a Feira como un pontevedrés máis a primeira fin de semana de setembro.
MÁIS IDEAS PARA MERGULLARSE NO PASADO
Hai máis festas en Terras de Pontevedra nas que podemos conectar coa historia.
En Pontesampaio e Ponte Caldelas, por exemplo, recréase a Batalla do Verdugo de 1808, durante a Guerra da Independencia española. Recórdase así o choque entre os galegos e as tropas francesas de Napoleón a carón do río Verdugo. Ámbalas dúas teñen lugar nos meses de verán, aínda que nos últimos anos téñense celebrado de forma intermitente.
Outra opción mais que recomendable é apuntarse ás visitas teatralizadas do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, na que homes e mulleres da Idade de Bronce nos guiarán polos segredos dos petróglifos que alí se atopan. Organízanse diferentes visitas ao longo do ano, especialmente en datas sinaladas e nos meses do verán. Atoparás máis información na web do parque e nas nosas redes sociais.
Tamén se organizan visitas teatralizadas ao redor da figura de Colón en Poio, pero o calendario para 2019 está aínda por confirmar.
E na cidade de Pontevedra, tamén se organizan visitas teatralizadas nos meses de verán, nas que as personaxes reais e imaxinarias que habitaron a cidade dende a súa fundación desvelan os segredos e curiosidades da cidade. A reserva é obrigatoria e pódese realizar na propia oficina de turismo que se atopa na Casa da Luz ou a través da súa web:
www.visit-pontevedra.com
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares únicos ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: app.terrasdepontevedra.org