O PP quéixase do alcalde de Poio ante a Valedora do Pobo por impedir o acceso ao Pazo de Besada
Por Oskar Viéitez
O voceiro do PP de Poio, Ángel Moldes, remitiu este mércores unha carta á oficina da Valedora do Pobo interpoñendo unha queixa formal contra o alcalde de Poio, Luciano Sobral, por impedir o acceso ao Pazo de Besada desde principios de ano.
No escrito, Moldes fai un repaso sobre a historia e a situación da finca de Besada e do edificio principal, o Pazo construido en 1913, que é de titularidade municipal desde hai case 10 anos e que "o goberno municipal de Poio mantén pechado, en estado de abandono e sen actividade coñecida desde a súa adquisición, pese ao compromiso de acondicionalo para poñelo a disposición da veciñanza".
O Pazo forma parte dunha finca de case 10.000 metros cadrados, con distintos edificios e unha importante riqueza natural, tamén de titularidade municipal, "sometida asimesmo a un estado de infrautilización e abandono".
O popular explica que intentou facer unha visita para comprobar o estado do edificio, pero o goberno municipal non facilita as chaves, impedindo o acceso.
Coa queixa formal ante a valedora do pobo, o PP busca que esta institución inste ao alcalde a "que deixe de conculcar os dereitos dos cidadáns e dos concelleiros do PP a información e que garanta, de forma inmediata, o acceso ao Pazo de Besada, para que todos poidan saber que ten tanto interese en ocultar".