Os socialistas propoñen crear un parque para practicar calistenia e 'street-workout' en Pontevedra
Por Redacción
Cada vez son máis os afeccionados a unha disciplina coñecida como a calistenia e, sobre todo, a unha das súas variedades: o 'street workout'. Trátase dun sistema de adestramento no que os exercicios fanse utilizando o equilibrio ou o propio peso corporal e que, habitualmente, converte áreas ao aire libre en improvisados ximnasios.
En resposta a esta crecente demanda, o PSdeG-PSOE propón dotar a Pontevedra dun parque que poidan ser empregados polos afeccionados a este método de adestramento deportivo. De entrada, o candidato socialista Tino Fernández baralla o ámbito da Illa das Esculturas ou a ponte das Correntes para situar este equipamento.
A elevada demanda social deste tipo de parques deportivos ponse de manifesto, segundo Fernández, no feito de que Vigo xa conta con dous espazos deste tipo, gratuítos e ao aire libre.
Estas áreas, recorda o dirixente do PSOE, poden ser empregadas por calquera veciño para facer exercicios de coordinación, forza, equilibrio, abdominais e estiramento, con excelentes resultados á hora de favorecer a musculatura de brazos, peito e as costas.
Segundo subliña o líder socialista, Pontevedra conta con algúns espazos naturais privilexiados "que xa están a empregar cada día deportistas profesionais e afeccionados", como é o caso do contorno da Illa das Esculturas. Instalaríanse elementos que se poden desmontar con facilidade, así que non habería ningún problema pola normativa ambiental vixente.
Entre os elementos máis típicos que se poden atopar neste tipo de parques, inclúense estruturas con barras horizontais a diferentes alturas para executar flexións de brazos, barras altas para facer dominadas, bancadas de abdominais con barras horizontais de soporte ou barras paralelas.
Relacionadas:
-
Gloria Blanco, Iván Puentes e Paloma Castro escoltan a Tino Fernández á fronte da lista do PSOE
Por Alejandro Espiño |
-
O PSOE propone un viveiro de empresas para produtos agrícolas para Xeve e Bora
Por Oskar Viéitez |
-
Tino Fernández propón reducir a un euro o prezo do bus a Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Os socialistas comprometen itinerarios "máis seguros" para as persoas con discapacidade
Por Redacción |
-
O PSOE promove unha ordenanza que regule as axudas á participación de deportistas en competicións oficiais
Por Redacción |