A Xunta remodelará o campo de fútbol de Mirallos
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda colaborará co Concello de Moraña e a Secretaría Xeral para o Deporte para levar a cabo unha remodelación completa do campo de fútbol de Mirallos e mellorar os accesos desde a súa contorna.
Así o anunciou este martes a titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante unha visita a este municipio pontevedrés para coñecer as instalacións deportivas nas que está previsto investir máis de 514.000 euros.
A actuación acometerá a mellora integral das actuais infraestruturas do campo de fútbol, sede oficial do Moraña CF e punto de encontro de referencia para os veciños do concello e mesmo tamén para o resto da contorna, xa que alberga numerosos eventos deportivos a nivel provincial.
O campo contará cun novo espazo de bancadas con capacidade para 300 espectadores, vestiarios remodelados e modernos, un bar-cafetaría con vistas panorámicas ao terreo de xogo e unha sala de ximnasio.
Así mesmo, dado o carácter integral da obra, tamén está previsto actuar na contorna do campo de fútbol, habilitando un circuíto de carreiras en todo o perímetro, instalando un novo sistema de rego e garantindo accesos mellorados.