Portos de Galicia comeza obras nos peiraos de Bueu, Beluso, Tragove e O Xufre
Por Redacción
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar os traballos de reparación de instalacións xerais nos peiraos de Bueu, Beluso (Bueu), Tragove (Cambados) e O Xufre (A Illa de Arousa). Estas actuacións centraranse na mellora das condicións de atraque da flota a través da reparación de pantaláns, escaleiras de acceso e elementos de amarre.
Os traballos iniciáronse nos catro peiraos pontevedreses ao longo desta semana e teñen un prazo de execución de mes e medio, polo que Portos de Galicia prevé que estean completamente rematados a mediados de abril. Todas as actuacións contan cun investimento por parte do ente público de 40.000 euros.
No conxunto das dársenas nas que se está a actuar realízanse reparacións e tarefas de conservación, fundamentalmente nos pantaláns. Así, no porto de Bueu as obras céntranse na reparación das orelleiras, escaleiras de pés de gato do peirao así como melloras de alumeado, reparación de fochas e caleiros no entorno dos departamentos no porto pesqueiro. Ademais realizaranse melloras no pantalán da sétima lista e repoñerase o pavimento de madeira.
Polo que respecta ao porto de Beluso, estanse a reparar varios fingers, así como táboas do piso dos pantaláns e as torres eléctricas que prestan servizo nesa zona. Tamén se executarán reparacións nos departamentos e pintaranse sinais de balizamento. En canto ao porto do Xufre, estase a substituír boa parte do firme de madeira dos pantaláns das embarcacións pesqueiras. Finalmente, no peirao de Tragove vanse cambiar aneis e rodillos da zona do dique.