O conselleiro de Cultura decide ampliar en 18 camas o albergue de peregrinos
Por Anxo Lourido
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo, acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís e polo portavoz do grupo municipal do PP, Rafa Domínguez, mantiña un encontro este martes con integrantes da Asociación de Amigos do Camiño Portugués, liderada polo seu presidente Tino Lores.
Desta forma, o responsable autonómico de Cultura anunciaba que a Xunta ampliará en ao redor de 18 liteiras o actual albergue. Para este incremento vai reformarse en breve un almacén situado no recinto en que se atopa o albergue de peregrinos, que pasaría das 72 prazas actuais a ter dispoñibilidade de acoller a 90 persoas.
Con esta decisión, o Conselleiro dá marcha atrás no seu anuncio en decembre de 2018 nunha visita ao santuario da Peregrina en relación a que non se contemplaba unha ampliación deste espazo. Tanto entón como agora, Román Rodríguez fai referencia á importancia da iniciativa privada e dos beneficios que debe reportar a chegada de peregrinos. Neste sentido, afirmaba que Pontevedra conta con 1.981 prazas hoteleiras, que deben nutrirse de aquelas persoas ás que non se pode dar acubillo nestas instalacións públicas pertencentes á Ruta Xacobea.
A obra prevista ten un baixo investimento económico, segundo apuntou o conselleiro que anunciou que as obras comezarán nos vindeiros días malia que posiblemente non se atopen rematadas en Semana Santa.
O Camiño Portugués aporta ao redor de 70.000 visitantes cada ano á cidade do Lérez, segundo sinalaba o conselleiro, e afirmaba que as instalacións de Pontevedra son unha das xoias da coroa dos albergues de Galicia. Coa ampliación prevista, pasará a ser o de máis capacidade do Camiño Portugués.
O presidente da asociación, Tino Lores, amosábase satisfeito con esta iniciativa e invitaba ao conselleiro a visitar o albergue cando na época de verán os hospitaleiros teñen que facer fronte á demanda dos máis de 150 peregrinos que se atopan nas portas do recinto durante horas á espera dunha liteira.
A Xunta ten previsto crear un novo albergue en Vigo, na zona do casco vello, de cara ao Ano Santo. Con esta nova infraestrutura, a administración autonómica acadará os 6,5 millóns de euros destinado a melloras no tramo do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra.
PONTE DO BURGO PEONIL
A decisión do goberno local de Pontevedra de converter en peonil a ponte do Burgo nas vindeiras semanas é asumida positivamente polo conselleiro de Cultura e Turismo en canto á mellora da seguridade para os peregrinos neste tramo do Camiño.
En todo caso, Román Rodríguez sinalaba que se trata dunha decisión do Concello e que agardaba que os dirixentes locais tiveran analizado os pros e contras da decisión en canto ás posibilidades de circulación viaria pola cidade.
O conselleiro remataba a visita coa plantación dun camelio co que agasallaba á asociación, como símbolo da flor representativa do Camiño.
Relacionadas:
-
O Albergue de Peregrinos estrea as instalacións que o converten no local de máis capacidade do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Asociacións de catro países reunidas pola súa "amizade" co Camiño Portugués
Por Redacción |
-
A asociación de Amigos do Camiño Portugués inaugura o Bosque das Camelias
Por Redacción |
-
A Mesa do Camiño modifica o seu regulamento para que poida participar o conselleiro de Cultura
Por Oskar Viéitez |
-
Un total de 67.822 peregrinos chegaron o ano pasado a Santiago polo Camiño Portugués tradicional
Por Redacción |
-
As asociacións de Amigos do Camiño estudan co conselleiro de Cultura os obxectivos de cara o Xacobeo 21
Por Redacción |