A terceira fase da reforma do CIFP Carlos Oroza comezará no verán de 2020
Por Almu Dapena
A conselleira de Educación, Carmen Pomar, visitou na mañá deste martes o CIFP Carlos Oroza co gallo do VI Campionato de Sumillería 'Suso Domínguez'. Nela anunciou que a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional licitará no último trimestre deste ano as obras da terceira fase deste centro completando o proceso de remodelación comezado en 2015. As obras, que comezarán no verán de 2020 para non interferir na actividade docente, supoñen un investimento total de máis de 2 millóns de euros sendo o orzamento para esta parte da obra de 400.000 euros.
Nas dúas primeiras fases da reforma construíuse un novo volume de case 1.700 metros cadrados composto por un baixo cunha aula de I+D, un economato e un almacén con cámaras de frío, e dúas plantas. Na planta baixa construíuse unha aula-taller de cociña e na segunda os talleres de panadería-pastelería e confitería-chocolatería.
A remodelación permitiu dotar o centro dunha aula de I+D e un espazo de alta tecnificación dividido en dúas partes. Unha parte conta cunha cociña e a outra cunha grada para 60 persoas desde a que poden asistir a demostracións de showcookings. A zona de cociña está dotada de elementos innovadores como electrodomésticos, un forno de última xeración, placa de indución, prancha xaponesa e grella.
Durante a visita, a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta de Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e reuníronse co profesorado titor dos centros da Rede galega de Formación Profesional de Hostalería e os representantes das Escolas de Hostalería e Turismo de Douro-Lamego, Coímbra e Viana do Castelo, do CIFP de Hostalería e Turismo de Xixón e do CIFP Felipe VI de Segovia.