Requisan 40 quilos de berberechos sen documentación nun control na peaxe da AP-9 en Vilaboa
Por Redacción
Un control conxunto realizado por axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, a Garda Civil de Tráfico e o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil de Pontevedra permitiu requisar 40 quilos de berberecho ilegal na peaxe da autoestrada AP-9 en Vilaboa.
O control, centrado na comercialización de produtos do mar por estrada, realizou inspeccións a varios vehículos. Nun deles, encontraron berberecho que carecía de documentación e acabou decomisado. Os 40 quilos terían un prezo estimado no mercado de máis de 230 euros.
Durante os últimos días, os axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, realizaron tamén varios controis na Ría de Arousa coa incautación tanto de aparellos como de distintas especies. Nun deles, realizado no sur da ría, confiscaron 84 nasas de madeira e 30 de PVC que estaban sen identificar, así como 15 quilos de polbo e tres quilos de nécora.
Noutro operativo en porto Meloxo,no Grove, foron aprehendidas 66 nasas, 30 pezas de trasmallos e cinco pezas de miños xunto a máis de oito quilos de cazón, preto de oito quilos de raia, 12 quilos de polbo e case 13 de nécora. As artes de pesca estaban sen identificar e as especies foron devoltas ao mar.
Un terceiro control en Arousa, no Concello da Illa de Arousa, supuxo o comiso de 33 nasas para nécora e un viveiro que estaban sen identificar, así como 3,5 quilos de nécora e máis de catro quilos de centola.
Na Ría de Pontevedra, os axentes de Gardacostas tamén requisaron 44 nasas para a captura de polbo e 10 quilos deste cefalópodo.