Portugal non autoriza a saída da area que Sanxenxo quere para A Carabuxeira
Por Oskar Viéitez
Este luns tivo lugar unha nova reunión entre Costas, Portos de Galicia e o Concello de Sanxenxo na que se abordaron detalles técnicos sobre a execución das obras da praia e o seu financiamento cunha folla ruta conxunta.
O alcalde, Telmo Martín informou que Nauta xa localizou o ano pasado unha area en Portugal, pero, de momento, Portugal non autorizou a saída desa area.
Como alternativa localizouse unha nova area, esta vez en España, da que se vai a facilitar ademais de mostras a Costas, un estudo de granulometría para que poida autorizar esta rexeneración. "Se autorizase a vertedura, esta podería chegar a facerse antes do verán", aseguran desde o Goberno local.
Nesta primeira fase achegaríanse uns 10.000 metros cúbicos de area, do mesmo xeito que se fixo en Silgar no ano 2003. Unha vez depositada construiranse uns diques temporais, que permitan o estudo do impacto que tería un dique definitivo na zona.
Na repartición de funcións entre as tres administracións, o Concello vai encargar da achega de area, que viría a Sanxenxo en barco. Depositarase na praia a través dunha tubaxe desde o barco. Posteriormente a area será distribuída con maquinaria a pé de praia.
Portos de Galicia, encargaríase dos diques, e o ministerio de Medio Ambiente asumiría a construción do paseo marítimo, unha vez que o Concello poña a disposición os terreos para poder acometelos.
O goberno entende que o proxecto de rexeneración ten que ser moito máis ambicioso que a simple achega de area, e é por iso que se propón a recuperación dun tramo de costa que ata agora só poderían gozar os propietarios das vivendas que hai encima da praia. Este paseo permitiría a prolongación do paseo marítimo que agora conclúe en Panadeira.
Para iso propón a construción dun paseo marítimo de 360 metros de longo e 3 metros de ancho co mobiliario propio dunha infraestrutura deste tipo, varanda, bancos, farois e papeleiras. Este proxecto tería un prazo de execución de 12 meses e estaría valorado en 1,9 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Un estudo localiza a area perdida pola praia da Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta e o Concello de Sanxenxo falarán o luns da rexeneración da praia da Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
Costas estudará dragar area da ría para rexenerar a praia de Carabuxeira
Por Redacción |
-
Sanxenxo acondicionará o miradoiro de Palacios-Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local de Sanxenxo critica á oposición por non apoiar os seus plans para a praia da Carabuxeira
Por Oskar Viéitez |
-
Así é o proxecto definitivo para A Carabuxeira: 24.500 metros cúbicos de area similar á de Silgar
Por Redacción |