A Audiencia confirma a absolución de 'Lito' por fraude fiscal na xestión dunha das súas orquestras
Por Alejandro Espiño
Ángel Martínez Pérez "Lito", considerado "o rei de orquestras" en Galicia, non cometeu fraude fiscal coa orquestra Filadelfia. Así, polo menos, o corrobora a Audiencia de Pontevedra que desestimou o recurso presentado pola Fiscalía e a Axencia Tributaria contra a absolución en primeira instancia do coñecido empresario.
"Lito" estaba acusado de defraudar 284.000 euros á facenda pública por non tributar correctamente os ingresos obtidos polas actuacións da orquestra Filadelfia nos anos 2011 e 2012. Fiscalía pedía para el e outras dúas persoas máis catro anos e medio de prisión.
O tribunal confirma a sentenza emitida o pasado mes de abril polo xulgado do penal número 1 de Pontevedra, que concluía que non existían "probas válidas" que demostrasen que o empresario fora o responsable da fraude fiscal.
Ademais, o xulgado pontevedrés anulara toda a proba documental presentada pola Axencia Tributaria, xa que o rexistro realizado nas oficinas de Representaciones Lito, a empresa de Ángel Martínez Pérez, afectara a persoas que non estaban mencionadas na autorización xudicial e producíranse "excesos".
A Fiscalía e o Avogado do Estrado recorreron este fallo, solicitando a nulidade da sentenza, defendendo a validez das actuacións practicadas polos funcionarios da Axencia Tributaria e alegando que existía probas documentais que achegaban "base bastante" para a condena dos tres acusados.
A Audiencia de Pontevedra, con todo, coincide co xulgado de primeira instancia en toda a súa argumentación.
Lembra que, entre outras cuestións, non se levantou acta do rexistro, non había relación de documentos intervidos, non existe rastro de comunicación ao xuíz que autorizou o rexistro sobre o resultado do mesmo ou non se adoptaron medidas para garantir calquera tipo de alteración ou manipulación.
Todo iso, segundo a Audiencia, "non permite decidir" se toda esta documentación intervida "é a mesma" que a que foi utilizada para elaborar o informe contra os acusados.
Engade o tribunal que dar "validez probatoria" a documentos incautados nun domicilio alleo ao do titular do material, sen que exista solicitude ou autorización xudicial para iso, supoñería vulnerar a súa intimidade, o seu dereito a non ser investigados "sen unha sospeita razoable" ou mesmo o dereito "fundamental" á inviolabilidade do domicilio.
Admitindo a posibilidade de que se produzan achados "casuais" neste tipo de rexistros, a Audiencia de Pontevedra reitera que "non todo vale" neste tipo de actuacións, xa que estes rexistros deben realizarse "en forma idónea e proporcionada", excluíndo do mesmo incautacións "indiscriminadas" de material que é alleo á investigación.
Ademais, sinalan que os recorrentes "non achegan argumento algún" de que os datos que contiñan os documentos intervidos "de maneira directa ou indirecta" descubrisen unha infracción tributaria grave ou un delito "flagrante" ou que exista conexión algunha co rexistro que estaba autorizado.
Relacionadas:
-
O 'rei das orquestras', de novo no banco dos acusados e ante unha condena a 35 anos de prisión
Por Natalia Puga |
-
O Tribunal Supremo anula a condena de 12 anos de prisión contra 'Lito' e obriga a repetir o xuízo
Por Natalia Puga |
-
O 'rei das orquestras' xa está en condicións de ser xulgado tras suspenderse o seu último xuízo por cuestións psiquiátricas
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía recorrerá a sentenza que absolve o rei das orquestras por dous delitos fiscais
Por Natalia Puga |
-
O rei das orquestras, absolto do segundo caso polo que foi xulgado
Por Natalia Puga |