Poio quere mellorar a afectividade dos veciños para conseguir "pais agarimosos"
Por Oskar Viéitez
A concellería de Educación de Poio organiza unhas sesións "socio-emocionais" dirixidas, principalemente, a pais e nais de menores de entre 0 e 12 anos, e enmarcadas dentro do programa "Educándonos" no que participan os colexios do municipio.
A concelleira Marga Caldas presentou este luns esta iniciativa denominada "Pais agarimosos" e que correrá a cargo de Raquel Pedrouso, que é "coach", é dicir, unha adestradora experta en facilitar procesos de aprendizaxe. Neste caso trátase de conseguir "melloras da afectividade".
Marga Caldas explicou que "a petición das familias" decidiron levar a cabo este proxecto que consiste en adestrar "habilidades para a vida" e dotar aos proxenitores de "ferramentas e recursos para adaptarse ás diferentes etapas de desenvolvemento dos seus fillos".
"Xestionar as emocións a través das relacións" engadiu a edil.
Programáronse sete sesións, os días 14 e 28 de marzo, 11 e 25 de abril e 2, 16 e 30 de maio no Pazo de Ferreirós e en horario de 17 a 19.45 horas.
As inscricións faranse na correo electrónico poiomovese@concellopoio.gal e estipulouse un prezo de 10 euros para os empadroados en Poio e de 25 euros para os que non o estean.
Abordaranse temas como a expectativas e medos da maternidade/paternidade, traballarase nas emocións dos máis pequenos, como xestionalas e axudar a crear ferramentas para a escoita "activa" e mellorar as relacións afectivas.
A concelleira de Educación e Deportes Marga Caldas prevé que a iniciativa terá continuidade nos próximos cursos abordando as circunstancias especiais da adolescencia.