Rafa Domínguez, sobre a xestión de residuos: "O BNG de Lores debería ser máis humilde e menos soberbio"
Por Redacción
O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, segue apostando pola proposta presentada días atrás polo seu partido para a xestión de residuos sólidos urbanos e considera que as críticas do Goberno local ao seu proxecto son resultado da soberbia do grupo de goberno nacionalista. "O BNG de Lores debería ser máis humilde e menos soberbio", valora o edil 'popular'.
Domínguez considera "curioso" que desde o Goberno que preside Miguel Anxo Fernández Lores valoren o sistema de xestión de residuos porta a porta como anticuado cando actualmente está a funcionar perfectamente en cidades como Oviedo, Madrid ou París e, en cambio, "continúen forzando a implantación da compostaxe a pesar de resultar un auténtico fracaso".
O portavoz do PP centra as súas críticas no proxecto de compostaxe, pois asegura que o Concello investiu preto duns 1,5 millóns de euros durante os últimos anos e "o único que conseguiron é enfadar aos veciños e que Pontevedra continúe incrementado a cantidade de residuos que envía a Sogama". Ademais, lembra que desde 2015 o Concello paga polo aluguer duns terreos na Canicouva nos que se ía a instalar unha planta de compostaxe para a aínda non hai nin proxecto.
Ademais, critica que os contedores situados diante das fachadas de vivendas e comercios supoñen problemas de visibilidade, impiden que se poida facer uso dos escaparates e provocan un feísmo que a cidade "non se merece" e aposta por un sistema de recolleita porta a porta cuxa implantación se fará de maneira progresiva, por fases, comezando pola zona comercial.
Segundo asegura, este sistema de recollida de lixos porta a porta cumpre con todos os requisitos marcados pola normativa europea e mesmo aumentará a implicación veciñal na reciclaxe. Neste sentido, o presidente dos populares reiterou que aqueles veciños que colaboren beneficiaranse dunha redución dun 25% no recibo do lixo, mentres que os que non queiran participar seguirán pagando o mesmo.
Relacionadas:
-
O PP denuncia que o Concello segue pagando polos terreos da planta de compost co contrato extinguido
Por Manu Otero | Creada e actualizada
-
O PP leva ao pleno municipal o caso da cuñada de Carmela Silva
Por Anxo Lourido |
-
O PP retirará do centro urbano os composteiros comunitarios e os contedores se goberna en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |