A caída de lousas dun edificio causa danos en varios vehículos
Por Diego Torrado & Redacción
Varios vehículos sufriron danos na tarde noite deste sábado cando estaban aparcados na rúa Paio Gómez de Soutomaior de Pontevedra, na zona do estadio de Pasarón e Juan Bautista Andrade, por mor da caída de lousas da fachada dun edificio.
Os servizos de emerxencias foron alertados da incidencia sobre as 21.30 horas e acudiron ao lugar efectivos dos Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra. Á súa chegada, os vehículos xa estaban danados e procederon a realizar actuacións para evitar que a situación volvese repetirse.
Segundo informaron os Bombeiros de Pontevedra, a súa intervención consistiu en sanear o resto da fachada para revisar se quedaban pezas soltas con perigo de caer á rúa. Ademais, ao seu termo, deixaron a zona valada ao entender que podería seguir existindo risco de desprendemento.
Na rúa apareceron varias lousas e cascotes desprendidos.