Denuncian que o contrabandista 'Terito' aínda figura como copropietario da sede do PP de Cambados
Por Redacción
O grupo municipal de Somos Cambados desvelou este sábado que entre os propietarios da sede local do Partido Popular figura o xa falecido Vicente Otero Pérez, coñecido como Terito e considerado un dos patriarcas do contrabando de tabaco na zona do Salnés.
Segundo a información que fixeron pública, no Rexistro da Propiedade consta como un dos copropietarios do inmoble de 120 metros cadrados situado na rúa Castelao. En concreto, ten un 20,25% da súa propiedade.
O local foi adquirido por 'Terito' e os outros copropietarios no ano 1981 como sede de Alianza Popular e posteriormente pasou a facer a mesma función para o Partido Popular.
Os vínculos de 'Terito' con Alianza Popular e o PP son de sobra coñecidos en Cambados e en toda Galicia e ao coñecido contrabandista e empresario mesmo lle foi concedida a Medalla de Ouro de Alianza Popular.
A súa figura, menos coñecida fora das fronteiras do Salnés, saltou á fama no último ano froito da serie de Antena 3 e Bambú Producciones Fariña, inspirada no libro homónimo de Nacho Carretero. Cabe reseñar que Somos Cambados tamén fai referencia a esta fama televisiva dun home moi coñecido xa na zona -era natural de Vilanova de Arousa-, ao referirse a el como "un dos patriarcas do contrabando da serie Fariña".
A marea municipal de Cambados critica ao portavoz local do Partido Popular de Cambados, Luis Aragunde, por ter unha "actitude hipócrita" e por tentar facer "política rastrera" a calquera prezo con tal de tentar desprestixiar ao equipo de goberno, sen importarlle incluso danar en medios de comunicación o nome e a imaxe de Cambados, relacionando de novo Cambados co contrabando.
Somos Cambados sacou á luz a propiedade da sede do PP despois de que o partido de Aragunde demandase unha maior ética e moralidade por parte da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, a raíz da solicitude dun Pleno Extraordinario pola vinculación dun familiar nunha sociedade mercantil.
Logo das novas revelacións, insisten en que "se Somos Cambados actuara como o Partido Popular, teriamos que pedir un Pleno Extraordinario para que o PP dera explicacións" e lanzan unha recomendación: "se teñen pensado seguir con estas políticas e acusacións, por coherencia, igual lles viría ben valorar un cambio de sede".