Cidadáns propón elaborar un Plan de Conciliación municipal para que pais e nais poidan "conciliar de verdade"
Por Redacción
O grupo municipal de Cidadáns en Pontevedra propón ao Goberno local a elaboración dun Plan de Conciliación Persoal, Familiar e Profesional da Cidadanía como instrumento para fomentar e garantir a igualdade de homes e mulleres.
"A conciliación debe ser unha loita conxunta de todos e todas", sostén a concelleira de Cidadáns, María Rey, que considera que un plan de conciliación non pode circunscribirse unicamente ao ámbito dos traballadores do Concello e que o Plan de Conciliación e Corresponsabilidade posto en marcha pola Xunta de Galicia o pasado ano pode complementarse con outro de ámbito municipal.
Ademais, destaca que en Pontevedra xa existe un plan municipal de igualdade, pero que debería complementarse con este outro de conciliación "para asentar unhas bases sobre as que actuar". Propón, así mesmo, que se desligue este tema de calquera politización.
Desta forma, a edil presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno da Corporación na que insta o Goberno local a estudar a posibilidade de crear unha ferramenta de fomento da igualdade que xa existe noutras cidades españolas, pois "a conciliación familiar é esencial para mellorar a equidade de xénero".
A súa proposta é que este novo Plan de Conciliación implique tanto a entidades públicas como privadas de Pontevedra e faga todos os diagnósticos necesarios para estudar cal é a situación do municipio e establecer así propostas de conciliación e un protocolo de actuación, programas e accións para que pais e nais poidan "conciliar de verdade".
Entre as propostas de María Rey figuran a realización de campañas de información e sensibilización á cidadanía e ás empresas, facendo especial fincapé no apartado da formación e educación, con sesións formativas en centros escolares, empresas e entidades.
O plan proposto pola portavoz de Cidadáns pautaría unhas liñas para seguir que marcarían a diferenza, pois "do que se trata é de facilitar a vida con medidas que realmente sirvan para algo" e, na súa opinión, "o que non podemos neste tema é parchear".