Sanxenxo abre un período de consultas de dous meses para consensuar o plan de mobilidade
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo abrirá unha xeira de encontros abertos á cidadanía, entre os días 25 de febreiro e 12 de abril, para definir as liñas do plan de mobilidade sostible que se redactará a través dunha liña de subvencións da Deputación de Pontevedra.
Estes encontros, nove de carácter territorial e seis sectoriais, celebraranse no salón de plenos do Concello e teñen como obxectivo recoller as percepcións da veciñanza no que atinxe a cuestións de mobilidade urbana.
Esta información, xunto coas enquisas de mobilidade que se realizarán paralelamente en emprazamentos estratéxicos do Concello, constituirán a base do traballo para a redacción deste plan estratéxico.
Este traballo está sendo desenvolvido por un equipo técnico independente de urbanistas e mediadoras e os seus resultados serán compartidos coa cidadanía a mediados do vindeiro mes de abril.
A primeira reunión terá lugar o próximo martes día 26 con representantes de CETS, Entretendas e os taxistas; mentres que a segunda das reunións será o mércores 27 coa federación de ANPA do municipio.
O plan é un instrumento básico para a ordenación e planificación da mobilidade das persoas e mercadorías a nivel urbano.
O seu obxectivo é posibilitar e favorecer formas de desprazamento máis sustentables dentro dun núcleo de poboación, como camiñar, a bicicleta ou o transporte público e buscan garantir a calidade de vida para a cidadanía, compatibilizando o crecemento económico coa cohesión social e o coidado do medio ambiente.
Relacionadas:
-
Sanxenxo contempla unha nova variante norte para desconxestionar a rúa Progreso
Por Oskar Viéitez |
-
A Lama inicia os traballos para redactar o seu plan de mobilidade sustentable
Por Redacción |
-
Moraña convoca á veciñanza para que faga suxestións ao Plan de Mobilidade
Por Redacción |
-
Os veciños poderán colaborar na redacción do plan de mobilidade de Ponte Caldelas
Por Redacción |