O novo plan de emprego provincial "garante moito máis os dereitos da mocidade"
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres o Plan de Fomento de Empregabilidade denominado "O teu primeiro emprego" que substitúe ao antigo Plan de Práctica Laboral, convertendo as bolsas que había ata agora por contratos en prácticas.
A presidenta da administración provincial, Carmela Silva, informou en rolda de prensa que o novo plan "garante moito máis os dereitos da mocidade".
Silva explicou que os obxectivos deste plan de emprego son facilitar a inserción laboral da xuventude dun xeito activo; apostar por unha estratexia provincial aliñada co Plan Director do Emprego Digno aprobado polo goberno do Estado; evitar a fuga de talento xuvenil por falta de oportunidades reais na súa contorna, e colaborar con empresas, corporacións sectoriais e organizacións sen ánimo de lucro no desenvolvemento económico da provincia.
Este plan estrutúrase en catro programas de actuación: "O teu primeiro emprego" na Deputación Provincial, nos concellos (de menos de 50.000 habitantes), nas empresas, corporacións sectoriais, e en organizacións sen ánimo de lucro.
A presidenta da Deputación detallou que os contratos en prácticas serán subvencionados por un período de seis meses, prorrogables a outros seis e serán subvencionados de maneira que a administración provincial aporta o equivalente ao salario mínimo interprofesional e as entidades colaboradoras deberán complementar a cantidade que sexa necesaria ata acadar os salarios que correspondan segundo a categoría profesional asignada polo Convenio colectivo aplicable.
REQUISITOS
Os requisitos para poder acceder a estes contratos son: estar en posesión de título universitario ou de formación profesional de grado medio ou superior ou títulos oficialmente recoñecidos como equivalentes, de acordo coas leis reguladoras do sistema educativo vixente, que habiliten para o exercicio profesional; non transcorrer mais de cinco anos, ou de sete cando o contrato se celebre cunha persoa con discapacidade, dende a terminación dos estudios; non estar e non haber estado contratados en prácticas pola mesma ou distinta persoa física ou xurídica por tempo superior a un ano, e non ter experiencia laboral previa na titulación, grupos 1 ou 2 para universitarios e grupo 3 para os ciclos superiores.
Finalmente, Carmela Silva sinalou que a selección das persoas beneficiarias deste plan levarase a cabo "segundo as bases reguladoras" que serán aprobadas nas vindeiras semanas.
Relacionadas:
-
O programa de emprego herdeiro do Plan de Práctica Laboral da Deputación dará traballo a 108 mozos
Por Redacción |
-
A Deputación aproba as bases do novo programa de emprego que substitúe ao Plan de Práctica Laboral
Por Redacción |
-
CC.OO. anima os bolseiros da Deputación a demandar canto antes por irregularidades no contrato de prácticas
Por Anxo Lourido |