Pontevedra abre unha nova 'porta' ao Gafos desde María Victoria Moreno
Por Alejandro Espiño
O paseo fluvial do río Gafos, no seu tramo máis urbano, contará cunha nova entrada desde a avenida María Victoria Moreno. O Concello acondicionará unha parcela duns 380 metros cadrados, situada entre un taller e un antigo club de alterne, para mellorar os accesos a un ámbito natural que se converteu nun punto de encontro para os pontevedreses.
O acondicionamento deste terreo, que xa é de propiedade municipal, comezará en próximas semanas. Para iso derrubarase o muro actual, retiraranse os valados publicitarios e construirase unha escaleira en laxas de granito para salvar o desnivel existente entre a rúa e o paseo. Ademais, reforzarase os noiros de ambos os extremos.
A actuación, valorada nuns 48.000 euros, incluirá tamén a plantación de varias especies arbóreas como freixos ou 'sabugueiros', xunto con plantas arbustivas e floridas que dean algo de cor a nova entrada ao paseo fluvial do Gafos.
O edil de Parques e Xardíns, Alberto Oubiña, avanzou que este proxecto sumarase a outras tres actuacións que se realizarán no río, desde o seu tramo máis rural.
Así, o Concello investirá uns 10.000 euros na reparación de tres 'pontellas' e dunha pasarela en diferentes zonas de Tomeza e outros 14.000 euros serán para renovar as escaleiras de acceso ao Gafos desde Ponte Boleira, nas inmediacións do centro comunitario de compostaxe, de forma que reforce a seguridade para os seus usuarios.
A última mellora que, neste lote de obras, realizarase no paseo fluvial do Gafos supoñerá integrar neste ámbito natural a parcela situada na confluencia de María Victoria Moreno con Alcalde Hevia.
Este terreo, duns 7x10 metros, será recuperado como zona verde. O edil do BNG explicou que se poderá eliminar así un "foco de lixo", coa retirada do muro e dos grandes valos publicitarios que aínda se manteñen neste espazo.
Relacionadas:
-
Dous xulgados resolven as discrepancias polo prezo de parcelas do Gafos dando a razón ao Concello
Por Redacción |
-
O río Gafos obtén a súa declaración como espazo natural de interese local
Por Alejandro Espiño |
-
O Gafos xa ten novas pontellas e pasarelas en Tomeza e no Mar da Presa
Por Redacción |
-
Un particular reclama, a través de letreiros no paseo peonil, comportas para o río Gafos
Por Redacción |
-
Pontevedra incorpora unha nova parcela ao parque do Gafos
Por Redacción |