Denuncian que Portas leva 8 meses sen plenos ordinarios, 3 sen comisións informativas e segue sen orzamento para 2019
Por Redacción
O BNG de Portas denuncia a situación que está a atravesar o Concello ao entender que o equipo de goberno está a incumprir a lei de bases de réxime local e os seus propios decretos que establecen unha periodicidade de dous meses para os plenos ordinarios.
E é que desde xuño de 2018 non se convocaron plenos ordinarios da corporación e tan só se celebraron dous plenos extraordinarios. Ademais, a agrupación nacionalista sinala que nos últimos tres meses o alcalde Víctor Estévez tampouco convocou unha comisión informativa nin reunións da corporación local.
Ademais, o Concello carece de orzamento para o presente ano. Esta situación, para o BNG, demostra a falta de xestión e de iniciativa, por parte do goberno local do Partido popular. Afirman que Víctor Estévez está contando os días para "librarse" da alcaldía e esquecerse de Portas.
Os nacionalistas denuncian tamén que este venres debería celebrarse unha sesión plenaria pero non se convocou, ao seu entender, porque coincide cun acto de presentación dos candidatos do Partido Popular na comarca. Por este motivo, alertan do secuestro das institucións municipais por parte da agrupación popular, ao entender que supeditan principios democráticos aos intereses electorais.